Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual

O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, creado polo Decreto 307/1995, do 13 de xullo, é o máximo órgano asesor do Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de telecomunicacións e audiovisual, ó que lle corresponde o estudio, deliberación e propostas en materias relativas ás telecomunicacións e ó audiovisual, así como emitir informe sobre os asuntos que o Consello da Xunta lle solicite ou os que se aborden por propia iniciativa do consello.


A liberalización das telecomunicacións e o relanzamento do sector audiovisual supuxo un reto de especial importancia que nos obrigou a adoptar medidas para cubri-las necesidades que a Comunidade Autónoma de Galicia vai demandar no futuro, correspondéndolles ás administracións públicas xogar un papel de motor que faga ver ó resto da sociedade as vantaxes que comporta a utilización destas novas técnicas, tanto desde o punto de vista económico coma social, pola transcendencia no eido do desenvolvemento económico, cultural e de ocio que as telecomunicacións e o sector audiovisual teñen e terán máis no futuro.

Neste sentido, a Lei 31/1987, do 18 de decembro, de ordenación das telecomunicacións, estableceu un marco xurídico básico das telecomunicacións, creándose polo Decreto 307/1995, do 13 de xullo, no que atinxe á Comunidade Autónoma galega, o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, sucesivamente modificado polos Decretos 354/1996, do 19 de setembro, e 199/1998, do 2 de xullo.

A entrada en vigor da Ley 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, supón un feito de singular importancia, ó ordenar un marco normativo definidor das liñas fundamentais do sector audiovisual galego co fin de potencia-lo seu crecemento e o seu desenvolvemento e permitirlles ós cidadáns e ós axentes profesionais e empresariais expresarse cos medios oportunos dentro do noso espacio audiovisual e cultural.

Por iso a dita lei obriga a unha nova regulación daqueles organismos que desempeñan actividades directamente relacionadas co sector audiovisual galego co fin de adaptalos ás súas previsións.

Neste sentido, a Lei do audiovisual de Galicia dálle un pulo máis ó Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, creando na súa estructura comisións sectoriais de operadores, usuarios e empresas relacionadas coas actividades audiovisuais, propiciando o autocontrol dos axentes do sector no respecto ós principios que rexen a súa actividade, e os dereitos fundamentais e liberdades públicas.

Por outra banda, co fin de lles garantir ós usuarios unha oferta de servicios competitivos, atribúenselle ó Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual funcións de arbitraxe na resolución dos conflictos que poidan xurdir.


Son funcións do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia:


a) Propoñerlle, a través da Secretaría Xeral de Medios, á Xunta de Galicia cantas medidas considere oportunas no ámbito das telecomunicacións e o audiovisual.


b) Coñecer e emitir informe sobre as liñas estratéxicas de actuación recollidas no libro branco das telecomunicacións, así como no futuro libro branco do audiovisual de Galicia.


c) Coñecer e emitir informe sobre os proxectos lexislativos e regulamentarios en materia de telecomunicacións e audiovisual que sexan competencia da comunidade autónoma.


d) Emitir informes sobre os temas relacionados coas telecomunicacións e audiovisual que o/a presidente/a do consello someta á súa consulta.


e) Coñecer, mediar e resolver a través do procedemento de arbitraxe os conflitos que lle sometan as persoas interesadas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei do audiovisual de Galicia.


f) Propiciar a cualificación e o autocontrol en relación cos contidos dos medios de difusión audiovisuais específicos do ámbito da comunidade autónoma, en coordinación coa Secretaría Xeral de Medios.


g) Calquera outra función que, no marco das súas competencias, se lle atribúa por algunha disposición legal ou regulamentaria.